Thursday 25 de April de 2024

Ábrese aos maiores doutros municipios a posibilidade de participar na Xuntanza de Riveira


A novena Xuntanza do Maior de Riveira terá lugar este domingo 23 e, tal e como vén sendo tradicional nos últimos días antes da celebración do evento, dende o Concello ábrese a posibilidade de que os maiores doutros municipios podan retirar entradas para esta celebración.

A día de hoxe hai xa máis de 700 entradas adquiridas. O prezo é de 16 euros.

Cómpre lembrar que a programación da xuntanza comezará ás 12.30 horas na Igrexa de Santa Uxía cunha misa solemne que, un ano máis, estará cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira.

Entre as 13.30 e as 13.45 horas sairán autobuses dende o Malecón rumbo á Fieiteira para todos aqueles que non queiran desprazarse polos seus propios medios de transporte.

Ás 14.40 horas dará comezo o xantar que, dende as 17 horas, estará amenizado por unha verbena e que se prolongará ata as 19.30 horas aproximadamente: momento en que regresarán os autobuses de volta cara á cidade.